SOBRE NÓS
DISCURSO E IDENTIDADE (D&I) é un grupo de investigación de referencia competitiva (GRC2015/002 GI-1924, Xunta de Galicia) pertencente ao Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Coordinado por Laura Lojo-Rodríguez, D&I está integrado nas seguintes redes de investigación:
-
Lingua, Literatura Inglesa e Identidade III (ED431D 2017/17)
-
European Network for Short Fiction Research (ENSFR)
-
Contrastive Linguistics: Constructional and Functional Approaches (FWO-Flanders)
Cunha vocación interdisciplinaria, D&I reúne un conxunto de expertos en tres áreas de coñecemento dentro da Filoloxía Inglesa: lingüística, literatura e historia-cultura. O grupo está formado por vinte investigadores principais pertencentes á USC, así como investigadores en formación, persoal de apoio e colaboradores externos vencellados a outras universidades nacionais e estranxeiras. Pola súa traxectoria investigadora e competitividade, o grupo D&I conta con financiamento por parte da Universidade de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia, o Goberno de España, así como fondos europeos.
Constituído en 2009, o grupo Discurso e Identidade (D&I) nace cun duplo obxectivo: potenciar desde unha óptica interdisciplinaria a investigación sobre a relación discurso-identidade e promover unha investigación de calidade a través da colaboración entre expertos en lingüística, literatura e estudos culturais. Os estudos levados a cabo no seo do grupo pretenden afondar na relación existente entre o discurso nas súas múltiples manifestacións (lingüísticas, literarias, estéticas, culturais ou semióticas, entre outras) e os procesos de formación da identidade individual, cultural así como de xénero e clase, tendo en conta as ideoloxías potencialmente subxacentes á correlación discurso-identidade. Como avalan aproximacións tales como “Critical Discourse Analysis”, “Social Semiotics” ou “Cognitive Linguistics”, entre outras, os estudos realizados dentro do grupo de investigación toman como punto de partida a existencia dunha interacción esencial entre:
-
“discurso” (< Lat dis-currere) entendido como os procesos e sistemas semióticos (non exclusivamente lingüísticos) que interveñen na produción e interpretación dun acto comunicativo (Van Dijk 1985),
-
“identidade” (< Lat idem-et-idem), aludindo tanto á identidade individual como á colectiva nun contexto social determinado, así como ás sinerxías e antagonismos que poden xurdir entre elas (Bhabha 1994, Nederveen Pieterse 2004),
-
“ideoloxía”, concepto que interpretamos como un corpo sistemático de ideas que se organizan desde un punto de vista determinado (Kress & Hodge 1979).