EQUIPO LITERATURA 1: 'DISCURSO, IDENTIDADE e LITERATURA'

Coordinador: J. Manuel Barbeito Varela

Membros Principais USCLaura Lojo Rodríguez, Manuel Míguez Ben, Manuela Palacios González, Jorge Sacido Romero.

Liñas de Investigación: Literatura do Reino Unido; Literatura en Lingua Inglesa e Artes Visuais; Literatura e Filosofía; Literatura e Psicanálise; Identidade e Subxectividade na Literatura; Discursos e Identidades Culturais na Literatura; Discurso e Análise Textual; Tradución e Edición de Textos.

O Equipo Literatura 1, coordinado por J. Manuel Barbeito Varela, abrangue varias liñas de investigación que conflúen no estudo da relación discurso-identidade na literatura en lingua inglesa. Como resultado desta liña de investigación xurdiron publicacións tales como National Identities and European Literatures (Peter Lang, 2008) – coeditado por José Manuel Barbeito Varela e Jorge Sacido Romero –, e Modernism, Postmodernism and the Short Story (Rodopi, 2012) que, editado por Jorge Sacido Romero e contando con contribucións a cargo de J. Manuel Barbeito Varela e Manuela Palacios González – explora cuestión relativas á identidade e á subxectividade no contexto da modernidade e/ou a postmodernidade. Os membros deste equipo constitúen así mesmo un referente na aplicación de perspectivas tales como a psicanálise á crítica literaria, destacando neste senso publicacións coma Moving across a Century: Women’s Short Fiction from Virginia Woolf to Ali Smith (Peter Lang, 2012), editado por Laura Lojo Rodríguez, ou Sound Effects: The Object Voice in Fiction (Rodopi, 2015), coeditado por Jorge Sacido Romero. Alén disto, o equipo conta con académicos cunha ampla traxectoria no que atangue á edición e tradución de textos literarios: Manuel Míguez Ben traduciu ao español obras de Morgan Llywelyn, Rosamond Lehmann, así como The Picture of Dorian Gray de Oscar Wilde – El cuadro de Dorian Gray (Cátedra, 1992); e recentemente Manuela Palacios González co-editou e co-traduciu unha antoloxía de poesía árabe que leva por título Los ritos de los sentidos. Poesía árabe (Cantarabia, 2015). O traballo realizado por este equipo recibiu financiamento a través de varios proxectos de investigación e foi diseminado en múltiples congresos nacionais e internacionais. Así mesmo, o Equipo Literatura 1 ten organizado diversos eventos científicos tales como congresos, ciclos de conferencias ou seminarios, sendo os que se mencionan a continuación só algúns exemplos representativos: Modernism and Modernity (1997), Literature and Identity Process in Europe (2004), The Order of Ghosts: Literature, Philosophy and Psychoanalysis (2006) ou The Age of Theory in Perspective (2013).