SOBRE NÓS

DISCURSO E IDENTIDADE (D&I) é un grupo de investigación de referencia competitiva (GRC2015/002 GI-1924, Xunta de Galicia) pertencente ao Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Coordinado por Laura Lojo-Rodríguez, D&I está integrado nas seguintes redes de investigación:

 

Cunha vocación interdisciplinaria, D&I reúne un conxunto de expertos en tres áreas de coñecemento dentro da Filoloxía Inglesa: lingüística, literatura e historia-cultura. O grupo está formado por vinte investigadores principais pertencentes á USC, así como investigadores en formación, persoal de apoio e colaboradores externos vencellados a outras universidades nacionais e estranxeiras. Pola súa traxectoria investigadora e competitividade, o grupo D&I conta con financiamento por parte da Universidade de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia, o Goberno de España, así como fondos europeos.

 

 Coordinadora de D&I.

Laura Lojo-Rodríguez

Coordinadora

Constituído en 2009, o grupo Discurso e Identidade (D&I) nace cun duplo obxectivo: potenciar desde unha óptica interdisciplinaria a investigación sobre a relación discurso-identidade e promover unha investigación de calidade a través da colaboración entre expertos en lingüística, literatura e estudos culturais. Os estudos levados a cabo no seo do grupo pretenden afondar na relación existente entre o discurso nas súas múltiples manifestacións (lingüísticas, literarias, estéticas, culturais ou semióticas, entre outras) e os procesos de formación da identidade individual, cultural así como de xénero e clase, tendo en conta as ideoloxías potencialmente subxacentes á correlación discurso-identidade. Como avalan aproximacións tales como “Critical Discourse Analysis”, “Social Semiotics” ou “Cognitive Linguistics”, entre outras, os estudos realizados dentro do grupo de investigación toman como punto de partida a existencia dunha interacción esencial entre:

 

  • discurso” (< Lat dis-currere) entendido como os procesos e sistemas semióticos (non exclusivamente lingüísticos) que interveñen na produción e interpretación dun acto comunicativo (Van Dijk 1985),

  • identidade” (< Lat idem-et-idem), aludindo tanto á identidade individual como á colectiva nun contexto social determinado, así como ás sinerxías e antagonismos que poden xurdir entre elas (Bhabha 1994, Nederveen Pieterse 2004),

  • ideoloxía”, concepto que interpretamos como un corpo sistemático de ideas que se organizan desde un punto de vista determinado (Kress & Hodge 1979).

Pola súa complexidade e amplitude, a análise crítica da interacción existente no trinomio discurso-identidade-ideoloxía fai preciso un achegamento multi- e inter-disciplinario que esixe, ao tempo que xustifica, a colaboración dos equipos que traballan nos tres ámbitos sinalados, así como a incorporación da epistemoloxía achegada por outras disciplinas, cal a psicoloxía, a socioloxía ou a semiótica. De feito, o grupo promove a colaboración con académicos doutras áreas baixo o interese común de afondar en aspectos relacionados co discurso e a identidade. Así mesmo, os membros do grupo traballan en colaboración con varias sociedades científicas, revistas académicas, editoriais e diversas institucións.

O grupo de investigación D&I organizou diversas actividades froito da colaboración interdisciplinaria entre diferentes equipos, como é o caso das diferentes edicións do International Workshop on Discourse Analysis (2011, 2013, 2015, 2016) ou da International Conference on the Discourse of Identity (2012, 2017). Ambos os eventos, que contaron con sucesivas edicións, reuniron máis de 300 expertos de recoñecido prestixio nos ámbitos da lingüística, a literatura e a historia-cultura inglesas, o que fai do noso grupo un referente internacional no ámbito dos estudos discursivos e identitarios. Ademais da organización de congresos, talleres ou seminarios, o grupo convida regularmente conferenciantes e académicos de universidades de todo o mundo, contribuíndo así á internacionalización da nosa investigación e ao establecemento de novas colaboracións. A transferencia de resultados tamén se manifesta no volume de publicacións en revistas académicas e editoriais de recoñecido prestixio e ampla difusión a nivel internacional. A calidade dos traballos académicos do grupo traduciuse nunha importante captación de recursos e financiamento a nivel autonómico, nacional e europeo. Desde 2009, o grupo contou con máis de 10 proxectos de investigación con financiamento. Na actualidade están vixentes 4 proxectos de I+D+I do Plan Nacional, así como un proxecto europeo, ao que compre engadir o financiamento achegado pola Xunta de Galicia no marco do programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario de Galicia. Así mesmo, ao longo da súa historia o grupo tamén demostrou ter unha ampla capacidade de formación. Desde 2009, defendéronse máis de 50 teses e na actualidade hai máis de 20 teses de doutoramento en curso.